A qué sabe un capón

Que a que sabe o capón de Vilalba?. Como para min as cousas de comer son sagradas, e ó saborear gusto de cavilar sobre as delicias que consumo, razono que no noso capón atopo tres principais sabores.

Sabe a terra

Saben a tradición, a historia estes polos nados en abril, de ovos de galiñas do país, enxendrados polos mellores galos, que andiveron soltos ata o verán, comendo de todo o que a terra ofrece, abrigados da choiva e do frío, perdida a masculinidade cando comezaban a encandilarse diante das polas.

Saben a terra estes non galos de cresta colorada, de patas douradas, que entraron na capoeira – chan de terra – para ser cebados durante corenta días e corenta noites, en feliz semiinconsciencia, onde todo é paz.

Sabe a traballo artesán

Todo se transmite. E o capón, receptor de tantas atenciòns, experimenta no seu corpo sensacións benfeitoras que se incorporan á súa carne.

A bicada de millo que o alimenta, o viño branco ou leite na que a bicada se molla, o agarimo para axudarlle a tragar... o sanguento sacrificio, o “descalzado” con auga fervida, o “recuchido”· para sacarlle as prumas, o baleirado do interior, e a colocación do pequeno torno de bidueira para darlle prestancia. Todo, traballo humano, dedicación amorosa, que o capón recibe. ¿Como non vai ter un sabor especial a agarimo artesán?

A colocación da ensunlla sobre o lombo é coroa real para o máis internacional dos nosos productos.

Sabe a polo do curral requintado

Afirmamos a abismal diferencia entre un polo de granxa e un do país, cheo de vida, que se alimenta de todo o que atopa, e lle senta tan ben a liberdade.

O capón é polo de curral requintado, de carne preta e saborosa, para cociñar con esmero sabedor. Primeiro foi polo de curral, e logo de traumático proceso e atención tan directa e delicada acadou moi superior categoría, para a que por ahora non hai escala onde situalo

Sabe a gloria

Pero ó degustar o capón non se me ocorre dar razón dos tres sabores. Resumo: Sabe a gloria. Comprobeino hai anos cando me levaron comelo a Monseivane de Lanzós.

Eu era xa devoto capoeiro, pero aquel día ascendín o definitivo chanzo desa devoción. E desde entón, confeso que o capón vilalbés preparado por man amiga gloria é, pois a gloria sabe. Amen.

X.X.

FERIA 2010

  • PC217906.jpg - By: admin