Como se consegue un capón vilalbés

O Capón só sairá da capoeira para recibir a “bicada”, o “amoado”, composta de millo de marelo triturado. Quizais tamén algo de pataca, auga fervida...

O alimentador fai un bolo que molla en auga, viño branco ou leite, antes de metelo na boca do animal. E haberá que axudarlle cos dedos a que o capón trague e non morra afogado polo gran bocado que se ve forzado a engulir.

O millo ha ser machacado e non moído, de manera que ó ser amasado en auga fervida abra e, en forma de croqueta, sirva de alimento ó animal. Se se molla en viño, ha ser branco, xa que o tinto daría cor amoratada á carne do capón.

De tódolos xeitos, cada criador ten a súa fórmula que pode incluír molla-lo bolo en viño de Xerez pola noite, para que o capón durma mellor, ou darlle unha copiña de coñac para que faga mellor a pesada dixestión.

O sacrificio é todo un rito que cómpre facer coa maior das atencións e coidados, para que a carne do animal se manteña en perfecto estado.

Para matar o capón, utilízase unha coitela especial, puntiaguda e cortante, ou unha navalla que, cravada no padal superior do capón, o faga desangrar deseguida e morrer. Hai así a garantía de que o animal non sofre trauma no seu corpo e a súa carne non perde o máis mínimo de sabor e apariencia.

Desangrado o capón, métese nunha caldeira de auga fervendo, polas patas. É o proceso do descalzado, para logo sacarlle a pel das patas e as unllas.

Métese logo o capón na caldeira, na operación do “recuchido”, para escaldalo e mellor sacarlle así as plumas, e deixalo limpo de todo por fóra.

Dáselle logo un corte ó capón para despapalo. Sácaselle “o papo”, a “gorxa do aire”, e límpase toda a zona cun coidado especial.

Nova inmersión do capón, na que mellorará de cor.

Na mesa, a continuación, colocarano debaixo dun pano branco e sobre outro pano da mesma cor, para que garde calor e inche.

Por fin, ábreno por detrás e sácanselle as tripas, “a morzoa”, o fígado, a ensunlla... E colocaranlle dentro, entre as ás un pequeno torno de bidueira para que “arme “máis.

A ensunlla colocaranlla ó capón sobre o lombo, como proba de boa ceba, cravada ou sostida polos troncos das prumas grosas por uns taquiños de bidueira ou, na actualidade, por uns simples pauiños.

E xa está listo o capón para ser levado á tradicional Feira do Capón de Vilalba. Ou para pagar rendas ou favores.

FERIA 2010

  • PC217924.jpg - By: admin