Cartas de dous parlamentarios sobre a capa dos capós

(El Progreso, 20-12-1984 e La Región, 23-12-1984)

Adolfo de Abel Vilela

        Ás veces, os servizos particulares de “intelixencia”, que tamén os hai no noso país, interceptan correspondencia que, si ben non supoñen un perigo para a seguridade, si poden facer variar os costumes que ó longo dos séculos se viñeron transmitindo de pais a fillos sin cambios sustanciais.
        Un bo día en que no Parlamento de Galicia, a santo non sei de que, saíu a relucir o problema que supuña para moitos labregos a deficiente colleita de patacas, producto fundamental na nosa economía agraria, a base do menú caseiro, o portavoz suplente do grupo de Alianza Popular, José Carlos Rodríguez, dándose conta de que si as patacas son importantes non o son menos os capós, advirtindo a ignorancia da maioría da xente sobre a capa dos mesmos, e ó obxecto de ter un criterio uniforme no país galego, remesou unha carta ó deputado independente do Partido Socialista Galego (P.S.O.E.), Carlos Casares que dicía:

“Meu querido amigo:
        Propóñoche unha ponencia conxunta de tódolos grupos parlamentarios para conquerir unha Lei na que se fixe o procedemento para capar os polos, primeiro paso para a súa transformación en capós, pois a nosa preocupación non debe ser só polas patacas. Cédoche esta iniciativa ó tempo que agardo das túas dotes que convenzas ó teu grupo da importancia do tema.
        Coido que o problema e de gran transcendencia, en especial para os de Vilalba. Eu supoño que o deputado do noso grupo Jesús Gayoso, terá moito que dicir e moi boas cousas que aportar. E digo que o problema é grande polo sistema de capalos. Segundo teño entendido, o procedemento por medios químicos pode capar ó consumidor. O hormonal fai adquirir características de outro sexo, e o quirúrxico conta coa oposicición das Sociedades Protectoras dos Animais, sistema que por outra banda, como conservadores, coidamos que é, como dixo Camilo José Cela, “como debe ser”. Ti como independente nun grupo progresista cecais podas aportar unha solución máis axeitada, o que redundaría no beneficio dos productores, dos consumidores e dos ecoloxistas.
        Agardo a túa benevolencia e consideración. Unha aperta,
Jose Carlos Rodríguez.”.

        A resposta do deputado independente non se fixo esperar, pois como bo galeguista o tema tamén lle preocupaba. Velaquí a súa resposta:

“Ilustrísimo señor:
        En relación coa súa proposta respecto dunha posible Lei tendente a regular o procedemento de capado dos capós e as suxerencias que me fai de cara ao papel que o deputado que suscribe puidera desempeñar en calidade de mediador, lamento decirlle que me vexo obrigado a declinar a súa amable invitación polas razós que a continuación expoño:
        As inevitables diferencias ideolóxicas que enfrontarían aos distintos grupos parlamentarios nunha cuestión tan delicada, aconsellan manter o problema na súa difícil situación actual antes que desencadear unha grave crisis política de consecuencias imprevisibles. Realizadas por quen suscribe discretas consultas informais verbo da cuestión que nos preocupa, as posicións de partido son tan radicalmente firmes e intransixentes, por tratarse dun típico caso de principios, que toda aproximación paréceme, na altura actual, absolutamente imposible. E para que V.I. teña unha visión detallada de canto ata aquí figura neste informe, paso a comentarlle o resultado das fracasadas xestións realizadas polo diputado infrascrito.
        Don Camilo Nogueira expuxo a súa opinión irreductible de que de ningún xeito estaría disposto a admitir un sistema de capado que non contemplase a tradicional técnica nacional e popular denominada “de doble coio e collón no medio”, manifestando a súa intención de opoñerse abertamente a calquera procedemento de orixe “español”, por incruento e sofisticado que este fose.
        Polo que se refire a don Anxel Guerreiro, o deputado comunista considera inaceptable calquera técnica que non sexa a búlgara, xa que opina que se trata dunha arte “humanitaria, eficaz e solidaria”. Consiste esta, segundo as súas palabras, “no extirpado glandular por vía mesentérica mediante aplicación do preparado Kalmanichev, con posibilidades de aproveitamento residual dos aditamentos sobrantes en forma de sopa concentrada destinada a ser enviada aos paises do Terceiro Mundo como fomento da paz e a amizade entre os pobos”.
        En relación co grupo do que V.I. forma parte, comunícolle que en conversa privada habida co señor Gayoso, fíxome saber a firme vontada do Sr. Fraga Iribarne de opoñerse ás propostas antes citadas, sendo partidario o lider de AP de aplicar unha técnica puramente española: “hostión directo al huevo, y punto”.
        Débolle participar aínda máis, que entre diputados independientes e de grupos minoritarios se manifestan igualmente actitudes diverxentes e encontradas resumindo estas na curiosa posición do diputado don Maximino Pérez Hortas que mantivo a extraña pero respectable opinión de negar o seu voto a toda proposta encamiñada a privar aos capós do que el asegura é “o seu bocado máis delicado e exquisito”.
        Espero, meu querido e admirado amigo, que seipa comprender o meu excepticismo e a miña negativa a asumir calquera tipo de iniciativa no tema que nos ocupa.
        Atentamente, Carlos Casares.
        P.D.- En relación ao Grupo do que formo parte, en calidade de deputado independente, débolle dicir que se están esperando ordes da Moncloa, onde se estudia o tema. Confidencialmente, adiántolle xa que o Sr. Boyer é partidario de gravar o capado con dúas pesetas para os capós híbridos e dez para os tri-híbridos, mentras que Alfonso Guerra pretende facer un pacto con Jorge Verstringe a razón dun reparto de técnicas por huevo”.

        Como é lóxico a proposta, ó non acadar a aceptación da maioría dos grupos, non foi para arriba, e houbo que conformarse con agradecer ós dous deputados tanto a súa iniciativa como o seu esforzo para averiguar as posibles posturas diante o tema. Cecais hoxe, cando os capós de Vilalba están a punto de ser postos sobre o mantel para conmemorar o Nadal, se lembren do seu fracasado intento e se dean conta de que non é doado implantar outro procedemento que non sexa o tradicional,  que conta coa garantía de centos de anos de experiencia e de produtos de recoñecido valor culinario. Cecais nesto resida o éxito do capón vilalbes: proceso manual na crianza e na preparación.
        Toda unha arte digna de ser admirada polos amantes do sentido do gusto e da estética diante dunha boa mesa ben servida.
        ¡Bo proveito, e mellores festas!.

FERIA 2010

  • PC190694.jpg - By: carlos