Capón de Oito Meses

 

A tradición encargouse de marcar a súa sazón: Capón de oito meses, comida de reises. Os polos que naceron en abril, despois dun complexo ritual, serán capóns vilalbeses en decembro. Se non cumpren eses requisitos, non poderán ser chamados “Capóns de Vilalba”.

 

Hai uns días, un nomeado establecemento gastronómico, animaba ós seus clientes a degustar capón de Vilalba, a comezos de decembro.

 

Que eu saiba, só a Confraría do Capón de Vilalba merca exemplares, distribúeos por establecementos de hostalería, e logo organiza degustacións durante todo o ano. Só así se pode ter na carta, “fóra de tempada”, capón de Vilalba.

 

O Concello vilalbés, celoso da pureza da cría, selección, ceba e sacrificio do  capón, vai ter que seguir co seu labor fiscalizador despois da feira, e comprobar que sexa “Capón de Vilalba” todo o que reloce, e non nos dean outros pitos por capóns, que virían ser gatos por lebres.

 

Se hai un “númerus clausus” no capón, haxa tamén un limitado número de capóns – os que correspondan – nas cociñas e nas mesas. Para que ninguén tome o nome de capón en vano.

 

Capón, cebado, oitomesino e de Vilalba. Se non posúe algunha destas características,  o que nos dean a comer non é capón de Vilalba.

 

Xulio Xiz

FERIA 2010

  • PC217835.jpg - By: carlos