Adolfo de Abel Vilela (1983)

Pregón Capón Vilalba 1983Señoras, señores, mozas, mozos e pícaros, vilalbeses e forasteiros:

 

Sexades ben vindos a escoitar os pregos que vos vai ler o pregoeiro por orde superior do señor alcalde, na véspera da única feira do mundo que vende animais de pluma sen ela.

Atópome hoxe en terras amigas e hospitalarias, terras de xentes traballadoras e de homes ilustres. Estou no antigo condado dos Montenegros, denominado así no Concilio que se fixo en Lugo no século VI. Veño a Santa María de Montenegro, a terra onde os condes que levaban este nome, levantaron no século XIII o castelo que hoxe conserva como testemuño daquel tempo, a torre da homenaxe. Estamos, segundo nos din os documentos medievais, na Vila Alba, ao fin, pola evolución lingüística en Vilalba, a vila branca onde os cabaleiros, por ter, tivérono todo: forca, coitelo e dereito de pernada. Onde os vasallos, carentes de moito, unhas veces foron sumisos e outras levantáronse contra o abuso e a tiranía dos seus amos.

 

Pero Vilalba é algo máis que un recordo histórico, é algo máis que unha vila. Vilalba é tamén as terras do seu arredor, cos seus castros aos que chegou a cultura de Roma, e os seus costumes, continuadas polo pobo ao longo dos séculos ata os nosos días. É así como aínda temos o arado, o xugo, o carro e outros instrumentos empregados no campo; costumes enraizados no pobo, coido que non é arriscado dicir que os queixos de San Simón, únicos en España, e tal vez no mundo, son a pervivencia dunha tradición romana, como romanos son tamén os capóns de recoñecida fama nestas terras.

 

Sirva de testemuño de canto vos digo un escrito do poeta latino de orixe hispánica, Marco Valerio Marcial, autor de catorce libros de epigramas nos que reflicte con gran sentido do humor, á sociedade romana da súa época. Marcial, facendo unha comparación entre unha pequena propiedade que lle regalara o seu amigo Lupo, e o latifundio que en Bayas tiña outro amigo chamado Faustino, di:

 

...e non chega nunca o rústico labrador cunha man chea de nada e outra cousa de ningunha a saudar ao seu amo: un tráelle mel branco no seu panal, ou do fragoso país de Sasina tráelle un queixo cónico; outro lle ofrece leiróns sonolentos; este un cordeiro que balando chama á súa velluda nai, e aquel, capóns, obrigados xa a non amar.

 

Como podedes ver, Marcial fálanos aquí de dúas cousas orixinais nesta terra: os queixos cónicos e os capóns. Os queixos cónicos de San Simón da Costa, onde precisamente se atopa o castro de Vilamaior, onde se cadra chegou un día un romano, que desde as afastadas terras de Sasina, trouxo, e deixou, esa forma especial de facer os queixos que permaneceu ata hoxe ao longo dos séculos. Homes que viñeron a romanizar, a traer a cultura romana a estas terras da Gallaecia, convivindo cos naturais deste país. Temos exemplos da súa presenza no castro de Gondaisque, e no de Ladra, Vilar Alto ou Vilar do Castro.

 

¿Quen nos di, que na vila romana de Quintá, ou Medorra de Quintá, en San Xurxo de Rioaveso, non se criaban os capóns, con todas as da lei, capados, ou, como di Marcial, obrigados xa a non amar?

Se alí houbo unha vila, como en todas as vilas tivo que haber, galos , galiñas e capóns. Os romanos daban gran importancia ás granxas avícolas e aos pombais.

Marco Terencio Varron, no seu Tratado de Agricultura, dividido en tres libros, dedica o terceiro aos produtos das aves, e fala de ceba dos polos.

Columela, nos seus doce libros, dedica o oitavo ás aves e aos peixes. Fala do establecemento dos galiñeiros, da compra das aves, das razas, e o seu coidado e mantemento, de como se han de cebar as galiñas, etc.

Catón, no tratado agrícola que escribiu co título Re Rústica, dedica o capítulo oitenta e nove, a ceba dos polos e dos parrulos.

Así pois, os romanos, pobo de labregos, homes cultos, bos comedores e deleitadores dos gustos, consideraban ao capón como un bo manxar, digno de ofrecer ao amo, como mostra de respecto e aprecio, e ao convidado como máxima de que todo pracer rexido polo gusto é casto.

 

Nós neste recuncho da terra, illados do mundo, preto do seu confín, no Finis Terra, seguimos gardando as tradicións, os modos, os costumes e as formas daquelas xentes que foron os nosos antepasados; ao cabo, pertencer á civilización occidental, significa ter sido romano.

 

O capón era o manxar que noutros tempos só comían as clases privilexiadas que na Idade Media recibían os señores, cregos e frades, como renda ou décimo por parte dos vasallos e dos fieis.

 

O capón era nos mosteiros bocado predilecto. Cóntase que nun dos cenobios había algún tempo que os frades non andaban moi ben de saúde. Entón o prior chamou ao médico, que, logo de observar aos enfermos, comunicoulles que a causa dos seus males era a moita fartura. O prior reuniu aos frades en capítulo para explicarlles a situación en que estaban. Logo de deliberar, un deles atreveuse a dicir o que pensaban os seus compañeiros sobre aquela complicada situación:

 

Reverendo padre -dixo o frade-. Por esta banda opinamos que sendo como somos amantes de conservar os costumes, pensamos que é mellor seguir como estamos: a polo por barba, ¡caia o que caia!.

 

O capón é unha das aves que pola súa conformación, pódese ter como adecuada para xentes de bo vivir. Foi, sen dúbida, bocado de reis e de nobres, do estado secular e do regular.

 

No ano 1668, cando veu a Galicia o príncipe don Juan José de Austria, fillo bastardo de Felipe IV e da artista Inés Calderón, pedían a Lugo desde A Coruña, gran cantidade de mantementos para o personaxe e o seu séquito. Para recadalos, facíase un repartimento entre as xurisdicións. Da de Xermar e Cospeito, saíron, entre outras cousas, corenta galiñas e corenta polos.

O 8 de abril de 1690, chegaba a Ferrol a que había ser segunda esposa de Carlos II, a raíña Mariana de Neoburgo.

 

Para o consumo da súa real casa, era preciso fornecer galiñas e capóns. De distintos lugares da provincia, reuniron en Lugo novecentas vinte galiñas e douscentos sesenta e tres capóns. Todos os xoves tiña que haber na Coruña trescentos vinte capóns que na maior parte procedían das terras vilalbesas.

 

O capón foi, e segue sendo, moeda apropiada para pagar favores, recibir regalías ou obter gracias. Cando veu a Lugo don Francisco de Aranda, oidor do Real Consello, para dispor os lugares onde se había de aloxar a raíña Mariana de Neoburgo, o Concello regaloulle doce capóns, entre outras cousas. Tal será o destino de moitos dos que mañá cheguen de Sancobade, San Xoán de Alba, Distriz, Noche, Lanzós, Gondaisque e outras freguesías deste Concello. Serán para honrar as mesas con manteis de moitos fogares que neste Nadal recordarán a gratitude dun favor recibido, ou o afecto dunha amizade continuada.

 

O capón vilalbés, o mellor de cantos se poidan criar en terras cristiás e pagás, onde hai os mellores ovos do mundo, e se alguén o dubida que pregunten por Alonso de Lanzós que gardaba no seu corpo de ferro un corazón de aceiro. Aquí non se permiten mesturas. Os polos vilalbeses, son como os señores feudais da antigüidade: teñen dereito de pernada coas galiñas do seu poleiro. As galiñas do país, son galeadas por polos do país. Despois de que a galiña co seu calorciño, sacou os poliños á primeira luz dun día, a dona da casa, polo mes de abril, escolle aos marelos, aqueles que han de recibir un trato axeitado ao seu fatal destino.

 

Privados do frío e da choiva, comerán fariñas de trigo e centeo. No século XVII, os polos destas terras comezaron a comer o millo, que recibiu o nome de millo, por comparación co mijo que se cultivaba en abundancia, e con el pagábanse as rendas.

 

Foi o asturiano don Gonzalo Méndez Cancio, casado con dona Magdalena de Luaces, natural de Abadín, o que en 1604 trouxo ás terras de Mondoñedo o primeiro maiz que se sementou en España. A partir daquel momento os capóns de Vilalba, sen ter nada que ver coas multinacionais e a mercadotecnia, adquiriron un certo sabor americano.

 

Pasou o verán, e chegou o outono. Privados dos atributos, sen capacidade para poder amar, como dicía Marcial, no mes de novembro, cando ademais das follas das árbores comezan a caer as mellores aves do cortello, San Martiño, santo romano, presenza como os polos van entrando nas capoeiras, ao redor da lareira, preto do lume que o fará adormentar, pasando así os mellores corenta días da súa vida.

 

A capoeira é o cárcere de madeira sobre a que sentarán os petrucios, os pícaros, as mozas e os mozos. Un ceo de cus en lugar dun de estrelas. ¡Se os polos falasen! Cantos chismes, contos, conversacións e amoríos teñen que presenciar na longa capela, tratados a corpo de rei e de reo, ben mantidos e mellor bebidos, gozando os derradeiros días.

 

Entre parrafada e parrafada a dona e o dono preparan con agarimo a bicada, mollada en leite ou viño branco. O polo, que non naceu con aptitudes para mamar, prefire o viño, pois tamén sabe que a auga esnaquiza os camiños, e que o meu predecesor, don Camilo José Cela, no último pregón tanto o loubou, que se esqueceu do capón.

 

Os capóns de Vilalba, reciben tantos coidados, como os vellos que cobran o subsidio: comen quente dúas veces ao día e ata lles dan unha copiña de coñac para que se atopen ledos e durman ben.

 

Para dar de comer a un capón pásase máis tempo que unha nai cun pícaro mal comedor. Labor arriscado, pois se non se fai con maña pódese afogar coa bicada. Contan que unha señora desta vila, de coñecida familia, criaba dous capóns para Nadal. A un deles non lle baixaba a bicada. A señora ao verse no apuro, saíu á fiestra berrando por unha veciña chamada María da Caballera, voluminosa de corpo, servicial de espírito, muller de moitos saberes e boas mañas. Ao ver o caso colleu o capón polas patas, arrimoulle a boca ao cu e comezou a soprar coma se quixese inflar o polo. Resultado: a bica saíu pola boca. Moralexa: as cousas segundo saen, entran.

 

A tal hora centos de capóns fixeron xa o sacrificio da súa inmolación. Escaldados, desplumados e recuchados, adquirindo a cor do ouro que lle dá a palla de avea posta no fondo do caldeiro.

 

Sacados os miúdos, coma se fosen as entrañas ofrecidas por augúrelos; posta a ensulla coma se fose o nobre manto dun rei; encartadas as ás, coma se fosen as variñas dun abano; colocados na cesta sobre un branco pano, como símbolo dunha vida caste; formando unha coroa de patas como signo de manxar rexio, serán levados á feira con selo municipal e carné de identidade, pero sen fotografía.

 

O mellor ofertante, levará o capón. No ano 1690, un capón custaba dous reas; no ano 1840, seis; en 1982, trinta e dous mil reas; en 1983, X ou un pouco máis.

 

Remato xa. Quero facelo cunhas palabras do peregrino francés Jean de Tournai, ao seu regreso de Santiago no inverno do ano 1489. En Bordeus tivo que embarcar con outros compañeiros para chegar á Dordogne. Na travesía pasárono apurado por unha tempestade inesperada. Aquela aventura di que rematou en Blaye, como sempre creu que deberían rematar os duros problemas do camiño: diante dunha cea lista de bos capóns asados.

 

Así é como debemos rematar nós o ano que termina, reunidos cos amigos e a familia, nunha mostra de amor e solidariedade. Meus amigos: os pobos, ata agora, pereceron sempre por falta de xenerosidade. Neste tempo de inxustizas, de mortes inútiles, de falta de pan e de paz, lembremos que cando teñamos esquecido as servidumes inútiles, e escudido as desgracias innecesarias, sempre teremos, para manter as virtudes heroicas do home, a longa serie dos males verdadeiros: a morte, a vellez, as doenzas incurables, o amor non correspondido, a amizade rexeitada ou traizoada, a mediocridade dunha vida máis ampla que os nosos proxectos e máis escura que as nosas ilusións.

 

Paz, felicidade e saúde, e o desexo máis sincero do pregoeiro que vos falou. Moitas gracias pola vosa atención, boas festas e mellor ano.

 

Adolfo de Abel Vilela

Vilalba, 18 de decembro de 1983

FERIA 2010

  • PC217888.jpg - By: admin